
Hoxe, martes 21 de xullo de 2026, recibimos a visita do Consello Social da UVigo que foron acompañados polas explicacións sobre as exposicións do director do Museo do Médico Rural de Maceda o Dr. José Manuel Lage.
Máis de vinte membros do Consello quedaron impresionados polos obxectos expostos e pola descrición da vocación do médico rural; xa coñecían o Museo, pois anteriormente aprobaran o financiamento dunha colaboración para promover eventos académicos, obradoiros, conferencias e programas educativos para a mocidade.
Aproveitando a visita, o Consello Social da UVigo, celebrou tamén unha sesión plenaria, convertendo a Maceda no primeiro municipio en acoller unha reunión deste tipo e sendo esta a primeira vez que o órgano se reunía fóra de instalacións universitarias ou corporativas.
A asemblea plenaria tivo lugar na sala de plenos do concello de Maceda, e os membros expresaron o seu agradecemento pola hospitalidade dende a dirección do Museo e pola calorosa benvida da alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo.
A sesión serviu tamén para dar a benvida á nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, que participou na súa primeira reunión plenaria como máxima responsable da institución. Así mesmo, supuxo o debut da nova secretaria xeral, Emma Rodríguez, e da nova xerente, Ana Comesaña. O presidente do Consello Social manifestou o seu compromiso de manter unha estreita colaboración co novo equipo directivo para seguir avanzando nos grandes retos estratéxicos da universidade.
A xornada rematou cun xantar de confraternidade en “O Lar dos Felos”.
Nova na web Consello Social da UVigo
Galería de Fotos:




























































