Hoxe, 26 de novembro de 2022, no entorno do Castelo de Maceda, tivo lugar a primeira reunión dos membros da entidade, dirixida a establecer liñas de traballo que concreten os seus fins fundacionais da Fundación do Médico Rural.

A finais do pasado mes de outubro tivo lugar a constitución oficial da Fundación do Museo do Médico Rural nun acto que tivo lugar en Maceda. O seguinte paso para esta iniciativa deuse alí mesmo cunha primeira reunión de traballo dos asinantes dese compromiso.

O programa da xornada consistiu en establecer criterios de actuación e propostas concretas, así como un primeiro calendario de iniciativas. No encontro participaron os asinantes do convenio fundacional da Fundación: Julio Ancochea, presidente de Asomega; Miguel Carrero, presidente de PSN; Francisco Martelo, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; e José Manuel Lage, director do Museo do Médico Rural.

Cómpre lembrar que entre os fins fundacionais da nova institución destaca o fomento e desenvolvemento da excelencia na actividade do médico rural e a xestión da memoria destes profesionais. Do mesmo xeito, preténdese contribuír á extensión dos conceptos de calidade, excelencia e humanización entre os profesionais médicos, facendo especial fincapé no ámbito da medicina rural, así como promover a formación e a xestión do coñecemento entre os profesionais.

Para iso, prevese que a fundación desempeñe un papel activo na organización e promoción de congresos, cursos, xornadas ou premios relacionados coa humanización, a calidade e a busca da excelencia no exercicio profesional.