COOPERACIÓN
A Deputación potenciará o “Museo do Médico Rural”, en Maceda, referente na súa temática
Ourense, 14 de abril 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co responsable do “Museo do Médico Rural”, José Manuel Lage, e co alcalde de Maceda, Rubén Quintas, a quen confirmou o apoio por parte da institución provincial “para seguir potenciando este singular espazo expositivo, único no ámbito galego e nacional, cuxo éxito reflicte a homenaxe da sociedade ao papel do médico rural, profesionais fondamente vencellados ao territorio e á súa veciñanza”, salientou Baltar.
O presidente do goberno provincial expresou o agradecemento a José Manuel Lage por poñer a disposición do público a importante documentación e os obxectos que conforman o museo, situado nas instalacións municipais, e ao alcalde de Maceda, “por promover esta iniciativa cultural á que seguiremos dando apoio económico e tamén mediante publicacións e co plan de acción, fixado a medio e longo prazo, que significará dispoñer de instalacións propias e con elo, unha aposta pola súa difusión e promoción para ser un punto de atracción turística e mesmo para os estudosos da medicina”.