Presentación literaria

O xoves, 3 de agosto de 2023, ás 20:00 h. No Centro Sociocomunitario de Maceda preséntase o libro: “A Inmoral Doutora Cons” do autor ourensán Roberto Fernández Álvarez, acompañado por Luis González Tosar en representación da Fundación Blanco-Amor e Alberto Canal, o escritor ourensán.

Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967), médico de Atención Primaria en Allariz, recibiu por este libro o XLI Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, sendo a súa novela seleccionada polo xurado entre 25 orixinais que se entregan ao premio máis antigo e prestixioso de novela de Galega, organizada pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor cun premio de 15.000 euros xunto cunha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano.

O xurado destaca a “habilidade do autor para reconstruír un tempo pasado” -os anos 50 do pasado século XX- e un “retrato certeiro do galego rural cun matiz ourensán desde a perspectiva dun médico que vén de fóra e que loita con valentía por conseguir librarse dos prexuízos instalados nesa sociedade, fundamentalmente no ámbito sanitario”.

Roberto Fernández sinalou que a novela “trenza a historia da humanidade: o amor, a morte e a violencia, á que se engade a antropoloxía da enfermidade no rural, o peor que pode pasar nunha economía de subsistencia, e a chegada dunha doutora con formación científica, unha excepción para a época.

 O autor cedeu os dereitos de autor da súa novela ás iniciativas solidarias desenvolvidas pola Sociedade Española de Medicina Xeral (SEMG) en Nicaragua e Alxeria.

Roberto Fernández é o autor do ensaio “Pacientes pobres, médicos tristes”, gañador do premio Vicente Risco de ciencias sociais.