O día 26 de outubro de 2024 celebrarase no salón de plenos do Concello de Laza unha Homenaxe ao Médico Rural baixo o título: “Vínculo de proximidade e esperanza”. Organizado por Asomega e SEMG-Galicia en colaboración coa Deputación e dirixido a poñer en valor a figura do médico da vila.

Ao longo da sesión, que comezará ás 12 horas, intervirán:

  • Julio Ancochea, xefe do Servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario La Princesa de Madrid e presidente de Asomega
  • Keith Albert Foo, presidente de SEMG Galicia e médico de familia en Laza.
  • José Manuel Solla, médico pontevedrés destinado en Allariz e expresidente nacional da SEMG.
  • José Manuel Lage, médico e director do Museo Médico Rural de Maceda.
  • Roberto Fernández, médico de Atención Primaria de Allariz e gañador do XLI Premio Eduardo Blanco Amor de novela longa.

O obxectivo: enxalzar a figura de médicos que foron “un exemplo de profesionalidade e humanidade a partes iguais, que compensaron as múltiples dificultades e carencias que tiveron que afrontar con habilidade e proximidade aos seus pacientes”.

Durante esta xornada inaugurarase unha estatua en homenaxe aos médicos que prestan servizo no rural, obra do recoñecido escultor alaricano Arturo Andrade, e que se colocará nos novos xardíns fronte ao concello de Laza.

Trátase dunha homenaxe visual e simbólica á figura do médico rural, xa que, segundo Foo, “representa un médico con sombreiro e maletín, camiñando contra o vento, metáfora do profesional que, a pesar das dificultades, chega incansablemente. ao coidado dos seus pacientes Esta homenaxe érguese nun lugar idílico, na Ruta da Prata do Camiño de Santiago que atravesa todo o centro da vila”, explica.