Este venres, 6 de decembro, o vello bus de Anacos de Vida visita Ourense para facernos viaxar no tempo e descubrirnos as pequenas e grandes historias que hai tralas fotos antigas da xente de Maceda.
A única localidade ourensá na que estivo previamente foi Celanova, terra que viu nacer o programa froito da realización do proxecto de recuperación da memoria gráfica e oral “Aquela Celanova”.
A preestrea en Maceda será o venres, 6 de decembro, no salón de actos do Concello ás 19:30, onde presentaremos un novo capítulo deste formato audiovisual, creado por Arraianos Producións para a CRTVG e onde recuperamos boa parte da nosa memoria individual e colectiva.
Na preestrea de Anacos de Vida gozaremos da presenza dos protagonistas desta nova entrega, que son os veciños e veciñas das 11 parroquias deste val, protexido pola Serra de San Mamede, ademais dos rapaces e rapazas do centro educativo público de primaria da vila, que participaron tamén no programa.
Este acto contará tamén coa presenza do director e produtor do programa, Aser Álvarez, produtor executivo de Arraianos Producións, e a presentadora Alba Prol, que é orixinaria de Maceda.
O programa emitirase este sábado, 7 de decembro, a partir das 19:00 na TVG.
No programa desta semana imos descubrir, a través das fotos antigas, por que Maceda é unha das vilas con máis éxitos ciclistas e a mellor canteira de Galicia e seremos ademais testemuñas dun evento moi agardado na vila: a primeira visita ao museo dos médicos rurais, un proxecto pioneiro e único en Galicia.
Non pararemos ata que o noso equipo de investigación descubra a historia que se agocha trala foto misteriosa do programa.