A Asociación de Médicos Galegos (Asomega) decidiu outorgar o premio “A Fonte Limpa” na primeira edición deste premio á iniciativa do Museo do Médico Rural de Maceda, promovida polo doutor José Manuel Lage.
As pezas situadas no Museo foron doadas por institucións, familias e particulares como o presidente de Asomega, Xullo Anchochea, cuxo avó foi médico rural precisamente en Maceda.
O premio está dotado con 3.000 euros e recoñece e pon en valor a iniciativa do doutor Lage para enxalzar a especial relación que se establece entre o médico rural e o paciente, e para reivindicar unha forma de exercer a Medicina que se mantivo inalterada na súa esencia pese ao paso do tempo: o médico rural que atende o parto, acompaña na maduración e alivia nas últimas horas.