El museo del Médico Rural de Maceda colabora en la elaboración de un panel informativo a modo de mural expuesto en el museo etnográfico de la Casa del Patrón en Doade con el siguiente texto:

«Un dos persoeiros do rural da nosa amada Galicia ao longo da historia foi o médico rural, que non era só o responsable da saúde dos seus habitantes, senón que tamén era veciño, amigo, confesor e psicólogo.

O seu traballo era continuo, durante as 24 horas do día, os 7 días da semana, os 365 días do ano. O salario que percibía era precario e, malia isto, tiña un grande ollo clínico. Caracterizábase polo seu grande altruísmo e porque acompañaba os seus pacientes ao longo de todas as etapas da súa vida.

As súas armas eran escasas, pero a observación e a exploración suplían todas as carencias que puidera haber. Podemos asegurar que eran uns heroes silenciosos, os médicos dos pobres e uns auténticos artesáns do seu oficio.

Deixáronnos como legado uns valores que debemos preservar. Eles foron vocacionais, nuns tempos en que a pobreza na nosa terra era una sinal de identidade e os recursos para curar, moi escasos e limitados.

Ata ben entrada a metade do século XX, as visitas aos domicilios dos pacientes nas aldeas facíanse a cabalo, pois o acceso era a través das corredoiras, uns camiños angostos e sinuosos. Os medicamentos elaborábanse nas boticas con fórmulas maxistrais e as plantas medicinais eran a base da súa preparación. Non había antibióticos nin vacinas.

O aparato de raios X chegou ao medio rural galego na década dos 40 e a penicilina nos 50.

Ata 1970, nas aldeas do noso rural, a maioría dos partos tiñan lugar nos propios domicilios e eran atendidos polos médicos do rural.

Os médicos rurais xamais deixaron de asistir e de lles dar consolo aos seus pacientes. Moitos de nós tivemos a agradable experiencia dunha relación humana e cálida entre o enfermo, a familia e o médico.  «